Poñentes

Felipe Arias Vilas

(Lugo, 1949)

Felipe Arias é Licenciado en Filosofìa e Letras (sección Xeografía e Historia) pola Universidade de Santiago de Compostela en 1971, con Premio Extraordinario de Licenciatura coa tese sobre as Murallas romanas de Lugo, publicada en 1972. Foi Profesor de Historia e Arqueoloxía e Bolseiro de investigación na dita Universidade ata 1974. Como Técnico Facultativo Superior de Museos foi Director-Conservador do Museo Provincial de Lugo entre 1976 e 1984, e desde 1983 dirixe o Museo do Castro de Viladonga así coma os traballos arqueolóxicos neste xacemento castrexo e galaico-romano. De agosto de 2005 a abril de 2009 foi Director xeral de Patrimonio Cultural, na Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia. Membro de diversas entidades de carácter académico, científico e cultural, é patrón fundador do Museo do Pobo Galego. Participou en numerosas reunións científicas en España e Portugal, así como en varias campañas de escavación e prospección arqueolóxica, desde 1970 ata o presente, amais de ser autor de proxectos e inventarios relacionados co Patrimonio Cultural. É autor de máis de duascentas cincuenta publicacións e colaboracións (só ou en obras colectivas) sobre temas de Arqueoloxía, Historia Antiga, Museoloxía e Patrimonio Cultural, e ten participado en máis de trescentas conferencias e mesas redondas sobre estes temas dentro e fóra de Galicia.

Xurxo M. Ayán Vila

(Lugo, 1976)

Xurxo Ayán é doutor en Prehistoria e Arqueoloxía pola Universidade de Santiago onde defendeu a tese Casa, familia e comunidade na Idade do Ferro do NW (2012). Arqueólogo e investigador no Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC ten dirixido e codirixido proxectos arqueolóxicos en castros de todo o país, como Punta dos Prados, Castrolandín, Montealegre, os castros de Neixón ou A Lanzada. Especialista en Arqueoloxía Pública participou no proxecto Archaeology in Contemporary Europe (2007-2012). Nos últimos anos desenvolve unha liña de traballo sobre arqueoloxía do colonialismo e etnoarqueoloxía, participando en proxectos en Etiopía e Guiné Ecuatorial. Tamén investiga no eido da Arqueoloxía da guerra civil española, escavando escenarios do conflicto, coma o campo de concentración de Castuera (Badaxoz), a fronte Norte en Puebla de Lillo (León) ou a batalla do Ebro na Fatarella (Tarragona). É membro da Asociación Galega de Comunicadores de Cultura científica e Tecnolóxica. Colabora no Xornal Certo, Dioivo, Galicia Confidencial e o portal Lg3 do Consello da Cultura Galega. Vén de publicar xunto con Manuel Gago o libro Herdeiros pola Forza. Patrimono Cultural, Poder e Sociedade na Galicia do século XXI (2.0 editora). Edita o blogue A lucenza do abade.

David Chao Castro

(O Carballiño, 1974)

David Chao é Licenciado en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela (1997), onde se doutorou en Historia da Arte coa Tese Iconografía regia en la Castilla de los Trastámara (2005) baixo a dirección do catedrático de Historia da Arte Manuel Núñez Rodríguez. Despois da súa etapa de becario predoutoral e FPU, desde 2001 é profesor contratado do Departamento de Historia da Arte da universidade compostelá, departamento do que ademais foi Secretario entre 2004 e 2007. Autor de numerosos capítulos de libros, artigos e comunicacións acerca da Historia da Arte Medieval (tanto no eido galego coma no castelán e peninsular), así como Arte Contemporáneo, participou tamén en varios proxectos de investigación, ademais de ditar conferencias e ponencias en foros nacionais e internacionais. Asi mesmo, realizou durante 10 anos labores de crítica artística para a revista Descubrir el Arte, ademais de comisariar e coordinar algunhas exposicións e cursos científicos sobre temática artística diversa, sen pasar por alto a súa participación coma autor de artigos e fichas técnicas en catálogos expositivos, asi coma de memorias histórico-artísticas para programas de conservación e restauración de monumentos.

Natalia Conde Cid

(Ourense, 1985)

Natalia Conde é licenciada en Historia da Arte pola Universidade de Santiago (2008), na cal realizou a súa tese de licenciatura sobre as fortalezas da Casa de Lemos no entorno do Val do Sil, sendo becaria de terceiro ciclo da Xunta de Galicia, e dirixida polo profesor David Chao Castro (2009). Participou activamente en varios congresos sobre Historia e Historia da Arte Medieval e actualmente está contratada na USC a través dunha bolsa predoutoral da Xunta de Galicia (2011), realizando a súa tese doutoral sobre Las portadas monumentales del tardorrománico hispano: arte, poder y liturgia, dirixida polo catedrático Manuel Núñez Rodríguez e codirixida polo profesor dr. David Chao, e que se centra especialmente no ámbito eido histórico e artístico que rodea a catedral de Ourense no contexto das peregrinacións, tema sobre o cal xa publicou parte en El Pórtico del Paraíso como foco receptor de modelos artísticos foráneos.

Luis Cordeiro Maañón

(Foz, 1976)

Luis Cordeiro é licenciado en Historia pola USC tras realizar o traballo de investigación tutelado Castros costeiros da provincia de Lugo e A Coruña. Desde o ano 2003 participa en numerosas excavacións arqueolóxicas, ben como técnico da empresa Revve Arqueoloxía ou ben como Director Técnico de diversas actuacións, incluindo excavacións, controis e sondaxes arqueolóxicos, estudos de impacto ambiental, reseñas arqueolóxicas nas que se plasmaban de maneira resumida os resultados de varias intervencións, e tamén contou participou en publicacións científicas con reseñas relacionadas coa intervención de San Martiño, Mitreo de Lugo e castros costeiros do norleste da provincia de Lugo (en espera a ser publicado). Tamén ten participado xa en varias xornadas arqueolóxicas con temas relacionados coa cultura castrexa do litoral e cos resultados obtidos na intervención arqueolóxica realizada na basílica de San Martiño de Mondoñedo (Foz, Lugo). Na actualidade, forma parte do equipo de traballo do PXOM do Concello de Carnota, levando a cabo o apartado arqueolóxico do mesmo.

Manuel Gago Mariño

(Palmeira - Ribeira, 1976)

Manuel Gago é doutor en CC. da Información pola Universidade de Santiago de Compostela. Na actualidade, é director de culturagalega.org, o portal de divulgación cultural do Consello da Cultura Galega e profesor asociado na Facultade de CC. da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela. No ámbito de divulgación cultural, Gago foi comisario en 2010 da exposición Ao pé do Lar, promovida para o Fórum Gastronómico en Santiago e con sede no Museo do Pobo Galego. Gago desempeña actividades de difusión e investigación no ámbito arqueolóxico. Foi membro do equipo de investigación nas escavacións do poboado da Lanzada (Deputación de Pontevedra e LaPA-CSIC, 2010), e promotor, canda Antón Malde, da escavación no sitio arqueolóxico de Pena Furada (Concello de Coirós e Iniciativa de Voluntariado, 2011). No 2011 fundou patrimoniogalego.net, a rede social do patrimonio cultural de Galicia. En 2012 publicou, canda o arqueólogo Xurxo Ayán, o ensaio Herdeiros pola forza. Patrimonio cultural, poder e sociedade na Galicia do século XXI (2.0 Editora). En 2012 promoveu o proxecto arqueolóxico da Torre dos Mouros (Lira, Carnota).

Carlos J. Galbán Malagón

(Granada, 1983)

Carlos Galbán licenciouse en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela en 2006. Continua a súa formación na Universitat de Barcelona onde defende no 2011 a súa tese de doutoramento Arquitectura militar y aspectos constructivos de las fortalezas bajomedievales. Origen, función, contexto y evolución de las fortalezas de Altamira, Vimianzo y Cira, dirixida polo doutor José Ignacio Padilla Lapuente e que versa sobre a arquitectura militar na Baixa Idade Media Galega, dende unha aproximación histórica e arqueolóxica. Ata o presente a súa investigación, e a publicación da mesma, céntrase na análise das variantes da arquitectura de poder medieval, a súa relación co territorio, as casas señoriais e as relacións de afinidade, os conflitos bélicos e o papel das fortalezas nos mesmos. Ao longo destes anos ven participando tamén en varios proxectos e excavacións arqueolóxicas tanto en Galicia coma no estranxeiro. Ademais da súa tese doutoral destacan as súas publicacións monográficas A Guerra dos Irmandiños (1465-1469) (Santiago, 2010) e Del documento escrito a la evidencia material. Actas del I Encuentro Compostelano de Arqueología Medieval (xunto con López-Mayán Navarrete, M., Santiago de Compostela, 2007), asi coma os seus artigos Señor, non sejas ataúd de tus criados. Una aproximación a los afines del entorno de la casa de Moscoso (c.1411-c.1510), 'Mejor tú que yo'. La Guerra interseñorial: batallas, asaltos y tomas de fortificaciones en la Galicia del siglo XV e outras publicacións en prensa e en revistas especializadas coma Anuario de Estudios Medievales, Ex Novo-Revista d’Humanitats ou Estrat Crític Revista d’arqueologia. Foi membro en 2012 do comité científico de evaluación externa (Madrygal. Revista de Estudios Gallegos. Universidad Complutense de Madrid) e participou en numerosos proxectos arqueolóxicos coma Cosa (Toscana, Italia), Cabrera d’Anoia (Barcelona), La Palma (l’Aldea, Tortosa), Pava (San Giovanni d`Asso, Toscana, Italia), Castro de Montealegre (Moaña), Croa de Zoñán (Mondoñedo), Castro Grande de Neixón (Boiro), Círculo Lítico da Mourela (As Pontes) ou Burela (Lugo), entre outros.


Anselmo López Carreira

(Vigo, 1951)

Anselmo López Carreira licenciouse en Xeografía e Historia na Universidade de Santiago de Compostela en 1976 e doutorouse na mesma Universidade en 1994. Actualmente é Catedrático no IES "María Soliño" de Cangas e Profesor-Titor na UNED-Ourense. O seu campo de investigación centrouse na baixa Idade Media, preferentemente nos temas das Irmandades, o mundo urbano e a edición de fontes documentais, sobre os que publicou os libros A Revolución Irmandiña (Galiza Editora, 1987), Os Irmandiños: textos, documentos e bibliografía (A Nosa Terra, 1991), Ourense no século XV (Xerais, 1991), A cidade de Ourense no século XV (Deputación de Ourense, 1998), A cidade medieval galega (A Nosa Terra, 1999), Cangas na Idade Media. Estudio e documentación (Concello de Cangas, 1999), Rexistro de Xoán García, 1484 (Boletín Auriense, 1993), Padróns de Ourense do século XV (Consello da Cultura Galega, 1995), O pleito das fortalezas de Ourense, 1455-1456 (Boletín Auriense, 1998) e Libro de Notas de Álvaro Afonso. Ourense, 1434 (Consello da Cultura Galega, 2000). Publicou tamén numerosos artigos en revistas (Boletín Auriense, Brigantium, Porta da Aira, Grial, Encrucillada) e outras publicacións periódicas (A Nosa Terra, La Región, La Voz de Galicia, Auria) e presentou ponencias en cursos e congresos, entre outros o Congreso Internacional Xudeus e conversos na Historia (Ribadavia, 1991), Congreso Internacional A Historia a Debate (Santiago, 1993), Vº e VIº Colóquio Galaico-Minhoto (Braga, 1994 e 1996), Congrès International d'Archéologie Médiévale (Bruges, 1997), IV Jornadas Luso-Espanholas de História Medieval (Porto, 1997), Castelao. Co pensamento en Galiza (Pontevedra, 2000). Elaborou ademais dous estudos divulgativos sobre o reino medieval: O Reino de Galiza (A Nosa Terra, 1998) e Os reis de Galicia (2003), e un estudo máis profundo sobre o mesmo tema, O Reino medieval de Galicia. Contribución á súa historia política (A Nosa Terra, 2005). Acerca do período suevo, a biografía histórica Martiño de Dumio, a creación dun Reino (Ed. do Cumio, 1996). Participou tamén en senllos manuais colectivos de Historia de Galicia (1979 e 1991) e nunha Historia Xeral de Galicia (1997). Coordinou os cursos da UNED Primeiras Xornadas de Historia Medieval. Metodoloxía e fontes (en 1999), Segundas Xornadas de Historia Medieval. A comunidade xudía (2000) e Terceiras Xornadas de Historia Medieval. A cidade medieval (2001), celebrados en Ourense, e dirixiu o Iº e IIº Encontros Finisterrae. O Mar na Historia (cursos complementarios da Universidade de Vigo), celebrados en Cangas en 1996 e 1997 respectivamente, e o e IIº Simposio de Historia en Terra de Lemos, que tiveron lugar en Monforte de Lemos en 2007 e 2008. Foi Comisario da exposición Da Terra de Lemos ao Reino de Galicia, inaugurada en Ourense en febreiro de 2009.

Mario Maceiras Dosil

(Lira - Carnota, 1983)

Mario Maceiras é Técnico Superior en Deseño e Produción Editorial e sindicalista. Desde o 2010 é membro fundador e secretario da Asociación Monte Pindo Parque Natural, unha entidade sen ánimo de lucro que defende a protección efectiva do Olimpo celta desde un punto de vista democrático e participativo, de xeito que repercuta non só na mellora do medio natural senón da calidade de vida dos veciños da contorna. Simultanea numerosos proxectos e investigacións sobre o patrimonio do seu concello.

Antón F. Malde

(A Coruña, 1968)

Antón Malde é arqueólogo profesional. Foi o técnico de patrimonio cultural do Concello de Carral onde coordenou e dirixiu a rehabilitación e musealización do Eco-Museu de Costa da Égoa. Neste momento está a desenvolver para o Consorcio das Mariñas a musealización dos achados e castro das Travesas. Inicialmente centrou o seu interese investigador no fenómeno megalítico, porén na actualidade fixa a súa actividade dirixindo a equipa de investigación do Castro das Travesas (Carral), o estudo da antiga rede viaria do territorio Betanzos-Mariñas, o santuario da Pena Furada (Coirós), ou a investigación da fortificación tardo-antiga/alto-medieval de Torre dos Mouros (Lira, Carnota) e seu entorno. Concede unha especial importancia á divulgación arqueolóxica a nível de base, colaborando especialmente coas asociacións culturais Roxín Roxal e Eira Vella. Tamén ten desenvolvido ciclos específicos como as “Barferencias” para o santuario da Pena Furada, ou o programa Arqueo-Lar: Laboratorio Aberto de Arqueoloxía para coñecer en directo pezas e resultados do castro das Travesas. Neste momento, participa no concepto de “Arqueoloxía Pública”, inserido unha equipa multidisciplinar, onde a comunicación e a interacción coas comunidades locais son fundamentais.

Manuel Recuero Astray

(Albacete, 1950)

Manuel Recuero é catedrático de Historia Medieval e decano da Facultade de Humanidades e Documentación da Universidade da Coruña. Dedicou toda a vida profesional á docencia e á investigación no eido universitario. Ademais de secretario e director de distintos departamentos universitarios, foi vicerrector do Campus de Ferrol entre 1997 e 2003. Licenciado en Filosofía e Letras (1972) na Universidad Complutense de Madrid e doutor en Historia Medieval (1976) pola Universidad Autónoma, tamén de Madrid, presentou a tese doutoral baixo l dirección do profesor don Luís Suárez Fernández sobre Alfonso VII, Emperador (1126-1157), el imperio hispánico en el siglo XII, obtenendo a calificación de sobresaliente cum laude. Previamente incorporárase ás tarefas universitarias en 1972, a través dunha Beca de Formación do Personal Investigador do Ministerio de Educación y Ciencia, que o vencellou ao Departamento de Historia Medieval da Universidad de Valladolid, onde permaneceu durante case sete anos. Despois deste período de formación, integrouse como docente e investigador na Universidad Autónoma de Madrid, na que alcanzou o puesto de profesor titular de universidade (1985). Desde 1995 é Catedrático de Historia Medieval no Departamento de Humanidades da Universidade da Coruña, onde continúa a súa labor universitaria. Da súa labor investigadora destacan as súas contribucións ao estudo dos reinos hispánicos durantela Alta Idade Media e, en particular, ao reinado de Afonso VII e a idea imperial leonesa, aos que dedicou máis dunha ducia de traballos monográficos. Entre estes cabe destacar o libro titulado Alfonso VII (1126-1157) (publicado dentro da Colección “Corona de España”, editorial “La Olmeda”, 2003). Moitos dos seus traballos foron publicados en revistas especializadas nacionais e internacionais, coma o Lexicón des Mittellarters in Artemis Verlag ou a Colección de Fuentes y Estudios de Historia Leonesa do Instituto de Estudios e Investigaciones San Isidoro de León; tamén colaborou con Estudios Mindonienses. No deixan de ser importantes as súas colaboracións en enciclopedias e manuais da especialidade, coma a Historia General de España y América (editada por Rialp, tomos III e IV,1984-1988) e as súas contribucións nos Manuales de Historia de la Edad Media e Historia de España de la Edad Media (editados por Ariel, 2002-2003). A monografía publicada pola Universidade da Coruña, titulada Orígenes de la Reconquista en el Occidente Peninsular (1996), é sen dúbida un traballo de particular relevancia que trata de replantexar moitos dos aspectos relacionados co proceso de Reconquista, incluído o papel do Islam na Península Ibérica. Tamén destaca a súa colaboración no Diccionario Biográfico Español publicado recentemente pola Real Academia de la Historia. Tampouco deixan de ser interesantes as súas achegas á historia de Galicia, coma as colaboracións realizadas nos catálogos de Galicia Terra Única, sobre Las invasiones y la defensa del territorio ou En el milenario de la razzia de Almanzor: verano del 997: Galicia na Idade Media. Pero sobre todo a História da Galiza recentemente publicada en portugués e en colaboración co profesor Baudilio Barreiro Mallón (Ediçoes Sílabo, Lisboa 2008). Destaca tamén a publicación de coleccións documentais referentes o Reino de Galicia, froito dos convenios e proxectos de investigación: Documentos medievales del Reino de Galicia: Alfonso VII (1116-1157) (1998); Documentos medievales del Reino de Galicia: Fernando II (1157-1188) (2000); Documentos medievales del Reino de Galicia: Doña Urraca (1095-1126) (2002). Entre os anos 2000 e 2003 foi director do proxecto de investigación Edición electrónica de la documentación medieval referente al reino de Galicia en la red RETCEGA, financiado a través do Programa de Promoción Xeral da Investigación do Plan galego de IDT. Entre as súas publicacións máis recentes atópanse tamén Extremum (A fronteira) (2007), relato histórico ambientado no século XII, que recrea distintos episodios acaecidos na fronteira toledana e protagonizados, entre outros, por Munio Alfonso, fronteiro orixinario de Galicia. Tamén cabería destacar a súa labor na dirección de traballos de investigación, teses doutorais, así coma a súa colaboración habitual en distintos comités de redacción e consellos asesores de revistas especializadas.

Rafael M. Rodríguez Martínez

(Compostela, 1976)

Rafael Rodríguez é licenciado en Historia pola Universidade de Compostela (1999). Colaborador e equipo técnico nas escavacións de Castro das Croas (Salcedo, 1993), Alvarelhos e Monte Padrão (Portugal, 1995-2002) e Castro de Neixón (Boiro, 2003-2008). Desde o ano 1999 traballou en proxectos de arqueoloxía de xestión arqueóloxica por toda Galicia (sondaxes avaliativas, controles e seguimento de obras, avaliacións de impacto, etc), tanto coma director como formando parte do equipo técnico, para empresas e co CSIC. Desde o ano 2003 é arqueólogo da Deputación de Pontevedra desenvolvendo traballos de arqueoloxía de urxencia (avaliacións e correccións de impacto de obras liñais, sondaxes avaliativas, prospeccións, etc), postas en valor coma a recuperación da vía XIX do Itinerario Antonino, a excavación do xacemento de A Lanzada e actualmente dirixe os traballos arqueolóxicos para a recuperación do xacemento de Monte do Castro (Ribadumia, Pontevedra). Tamén asesora a concellos (arqueólogo do concello de Baiona). A nivel investigación, desde a defensa do traballo para acadar o Diploma de Estudos Avanzados (DEA) As cerámicas romanas do solar Nº13 da Praza de Compostela (Vigo, 2001), a liña de traballo céntrase no estudo de cerámicas de importación entre os séculos V a.C. e II d.C. na costa galega, especialmente nas Rías Baixas, prestando especial atención aos materiais de importación prerrománs (sobre todo materiais púnicos) documentados en contextos indíxenas. En canto ás publicacións xa leva máis de 20 artigos publicados maiormente relacionados coa cultura material da Idade do Ferro do NO e cos ciclos de comercio prerrománs. A nivel de charlas, conferencias e congresos, conta con máis de 100 participacións nestas, desde charlas divulgativas para comunidades de montes, colexios... ata a súa participación en congresos internacionais coma o organizado pola Asociación Internacional de Estudios Clásicos (AIAC) en Roma no ano 2008, o Congreso Internacional de Estudios Fenicio-Púnicos de Sevilla do ano 2010, entre outras.

José Carlos Sánchez Pardo

(Lugo, 1980)

José Carlos Sánchez obtén en 2002 a licenciatura en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela. Becado pola Fundación Barrié, entre setembro de 2003 e novembro de 2004 realiza un Máster en Arqueoloxía Territorial Medieval pola Università di Siena (Italia). En 2004, becado pola Xunta de Galicia, obtén o DEA en Historia Medieval pola USC. Entre 2005 e 2006, é becario predoutoral do CSIC na Escuela Española de Historia y Arqueología en Roma e da Deputación da Coruña en 2007. En 2008, doutórase en Historia Medieval pola USC coa tese Territorio y poblamiento en Galicia entre la Antigüedad y la Alta Edad Media. En 2008, exerce como becario posdoutoral da Casa de Velázquez (Madrid). Entre 2009 e 2010 é investigador postdoutoral contrato do MICINN no Institute of Archaeology del University College of London (Reino Unido). Actualmente é becario de arqueoloxa no Museo das Peregrinacións (Santiago de Compostela). As súas investigacións céntranse principalmente no estudo histórico e arqueolóxico das paisaxes antigas e medievais, tema sobre o cal publicou diversos traballos en revistas nacionais e internacionais.

Xosé Manuel Sánchez Sánchez

(Compostela, 1976)

Xosé Manuel Sánchez é doutor en Historia Medieval pola Universidade de Santiago de Compostela, coa tese doutoral La Iglesia de Santiago y el Pontificado en la Edad Media (1140-1414). Bulario medieval de la Catedral de Santiago, baixo a dirección do catedrático Ermelindo Portela Silva, defendida en decembro de 2006 e calificada con sobresaliente cum laude. É, actualmente, profesor-titor de Historia Medieval no Centro Asociado da UNED en Pontevedra; foi profesor de Patrimonio Documental e de Tendencias historiográficas na Facultade de Historia da Universidad de Vigo nos anos 2009 e 2011. Desde o ano 2004 ocupa o cargo de Técnico do Arquivo da Catedral de Santiago de Compostela, especializado na documentación medieval. No ano 2007 foi galardoado co Premio de Investigación da Deputación de Pontevedra para Teses Doutorais sobre Humanidades e Ciencias Sociais. Realizou tres estancias de investigación no Arquivo Secreto Vaticano, nos anos 2002, 2005 e 2008. Posúe diversas publicaciones científicas, entre as que destacan los artigos El arzobispado de don Gonzalo de Aguilar en Santiago de Compostela (1348-1351) (rev. Anuario de Estudios Medievales, 2010), Regesta compostelana del pontífice Juan XXII (1316-1334) (rev. Archivum Historiae Pontificiae, nº 45, 2007), Regis Æterni ou la construction du pseudo-original sur la concession du jubilé compostellan (rev. Compostelle. Cahiers d'Études de Recherche et d'Historie Compostellanes, nº 10, 2007) e Positum Vs. Creditur. La política pontificia en torno al culto jacobeo en el siglo XII (en Monarquía y sociedad en el reino de León. De Alfonso III a Alfonso VII, 2007). Asi mesmo publica os libros de autoría múltiple Rocha Forte: el castillo e su historia (Portela, Ermelindo; Pallares Mª Carmen; Sánchez Xosé M., 2006) e San Vicenzo de Cespón na Idade Media. Historia, poder, mentalidade e territorio, (capítulo en De Sancti Vicentii de Sispalona a San Vicenzo de Cespón, Santiago de Compostela, 2007). Como autor único publica, entre otros, A Orde do Temple na vila de Melide (2006), obra que lle vale o premio de Investigación Histórica Vila de Melide. Participou en diversos proxectos de investigación sobre o mundo medieval, como Estudio Histórico y Arqueológico de la Fortaleza de A Rocha Forte (2002-2003), o Plan Director do castro de Elviña (1999), o Proxecto Fisterra (2010) ou o Proxecto A Lanzada (2010).

Julio Vázquez Castro

(Palas de Rei, 1966)

Julio Vázquez é profesor titular de Historia da Arte na Universidade de Santiago de Compostela. Dedicou os seus estudios a tres liñas de investigación fundamentalmente. A primeira sería o estudo da arte desenvolto polas Ordes Militares, especialmente a de Santiago, no eido galego durante a Idade Media: El castillo de O Courel y la arquitectura militar de la Orden de Santiago en Galicia (Lugo, 1996), El arte religioso de las Órdenes Militares en la Galicia medieval: Orden de Santiago (Santiago, 1999), que foi a súa tese doctoral, calificada con sobresaliente cum laude e Premio Extraordinario de Doutorado, ou San Munio de Veiga: arte, poder y decadencia en la Orden de Santiago (Ourense, 2009). Outro dos seus campos de estudo é a arquitectura gótica e as súas fontes documentais e gráficas: Las obras góticas en la Catedral de Orense (Porta da Aira, 6, 1994-1995), o capítulo dedicado á Idade Media en Fontes escritas para a Historia da Arquitectura e do Urbanismo en Galicia (Santiago, 2000, realizado xunto a David Chao Castro) ou o estudo sobre os mestres de obras e a construción en Galicia durante a Idade Media en El aparejador y su profesión en Galicia (Santiago, 2001, reed. 2009). Finalmente, na actualidade, centrouse na cidade de Santiago de Compostela e a súa catedral durante a época do gótico: La Berenguela y la Torre del Reloj de la Catedral de Santiago (Sémata, 10, 1998), A falta de torres, buenos son campanarios. Las desaparecidas torres del Ángel y del Gallo en la catedral de Santiago de Compostela (Quintana, 6, 2007), Castillos en el aire. El inicio del cimborrio gótico de la catedral compostelana (Quintana, 8, 2009), El rey de los incensarios. Víctor Hugo y el redescubrimiento romántico del botafumeiro (Abrente, 40, 2009 –en prensa-) ou Un delirio de grandeza en la Compostela medieval: Haremos un incensario tan grande que nos tendrán por locos (XVIII Congreso Español de Historia del Arte CEHA, 2012). Participou tamén en varios congresos internacionais sobre os ditos campos de estudo, na elaboración de memorias histórico-artísticas para a restauración de diversas capelas da catedral compostelá ou castelos (Pambre) e en proxectos de investigación relacionados coa arquitectura e o urbanismo medieval galegos: Fuentes y documentos para la Historia de la Arquitectura y del Urbanismo en Galicia (1997), Inventario documental e gráfico das fortalezas medievais de Galicia (1997-2002), ou Planos e debuxos de arquitectura y urbanismo (2005-2011).

Contacto

Precisas contactar con calquera destas persoas? Escríbenos un correo a xornadas@montepindo.org indicando o seu nome no asunto e farémosllo chegar.