Benvida

Torre en Monforte
Benvidos e benvidas ás Xornadas de Historia e Patrimonio "De Castros a Castelos"!

Nestes derradeiros anos a investigación galega ven centrado a súa interese nos períodos de transición histórica. Xa sexa dende a arqueoloxía, a historia ou a historia da arte; os cambios nas formas arquitectónicas, a defensa contra as ameazas (reais ou imaxinadas), as desigualdades e os cambios sociais son temas constantes na vida dos homes do pasado e do futuro. Pero os problemas para estudalos as veces semellan insuperábeis: xacementos descoñecidos polos investigadores, lagoas nos rexistros históricos, reocupación de asentamentos abandonados, formas de reorganizar e controlar o espazo e os homes…

A necesidade de poder comparar realidades sociais e arquitectónicas para achegar novas ideas e metodoloxías a vellos temas é urxente. De aquí xorden unhas xornadas que pretenden reunir a investigadores de diversos campos, facilitándolles un espazo para pór en común e debater problemas e opinións. O percorrido proposto non é sinxelo pero si apaixonante. Do mundo dos castros, pasando polos romanos, ata a tardo-antiguidade, chegando á implantación dun feudalismo de señores e castelos, e dalí ata chegar os irmandiños nos confíns da Idade Media.

O territorio carnotán constitúe sen dúbida un dos máis interesantes conxuntos a este respecto. O estado de conservación, a variedade e cronoloxía dos xacementos arqueolóxicos, a longa reinvidicación e a defensa do seu pasado e patrimonio, nas abas do monte Pindo, por parte das xentes de Carnota fan que sexa precisamente neste contexto onde mellor poden darse unhas xornadas tan únicas coma as que vos propomos: unhas Xornadas de Historia e Patrimonio "De Castros a Castelos" que se desenvolverán os días 1 e 2 de xuño e que serán abertas a todo o mundo, pero moi en especial a todas as persoas que conviven e defenden un espazo e tamén queren coñecer o seu pasado.

Moitas son, aínda, as preguntas que están sen respostar. E moitas máis as que haberá que formular e debater. Agardamos que estas Xornadas que vos brindamos servirán para isto.

Un saúdo de Natalia Conde, Carlos Galbán e Mario Maceiras, coordinadores destas Xornadas, en nome dos poñentes que aceptaron participar neste proxecto ambicioso e de todo o equipo que conforma a Asociación Monte Pindo Parque Natural.

Correo-e de contacto: xornadas@montepindo.org